Saturday 18 de May de 2024

A Xunta de Galicia pretende enganar a cidadanía co denominado Bono Coidado


Os veciños e veciñas do municipio están a recibir nos seus domicilios unha carta da Xunta de Galicia na que se anuncia unha nova prestación de 5.000 euros para as persoas dependentes que na realidade non é tal. O denominado Bono Coidado é unha actualización dos importes aos que teñen dereito os cidadáns a través do Sistema de Atención á Dependencia. Non é unha axuda nova de 5.000 euros.

Desde xullo deste ano, por orde do Goberno central, é obrigatorio actualizar os importes da Dependencia que serían, como máximo, de 416 euros mensuais (5.000 euros anuais). Ata o momento o máximo era 387,64 euros mensuais (4.651,68 euros anuais). É dicir, non hai unha nova subvención de 5.000 euros para as persoas dependentes, simplemente se incrementarán as contías en función da renda, o que tampouco implicará que todos os beneficiarios acaden os 5.000 euros anuais.

O Concello de Oleiros lamenta o intento de manipulación da cidadanía por parte da Xunta de Galicia e insta a todos aqueles veciños e veciñas a que se dirixan aos servizos autonómicos chamando aos teléfonos 881 881 505 ou 981 544 619.